BREVE INFORME (MERAMENTE INDICATIVO) SOBRE GALEGOS DE NACIÓN OU FILLOS DE TALES QUE FÓRON ELEMENTOS DESTACADOS NA MASONERÍA DO URUGUAI


Josémaría Monterroso Devesa-Juega


A primeira certidume documental en relación coa existencia da primeira loxa masónica no actual territorio da República Oriental del Uruguay aparece nos papeis do coruñés JOAQUÍN DE LA SAGRA Y PÉRIZ (1784-1851, irmán máis vello de Ramón), a quen coubo destacada actuación na Orde dende principios do século XIX: referímonos ao Manual de Iniciación del Aprendiz.

Precisamente en 1822 a loxa "Perfeita Amizade" (sic) expedíu o título de Mestre a Sagra. Estábase no período cisplatino, cando a Provincia Oriental do ex Vice-reinado do Río da Prata pertencía ao imperio do Brasil.

Unha inscrición no Hospital "Maciel" de Montevideo (que comezou sendo o hospital de caridade fundado por F. A. Maciel en plena dominación española, 1788), infórmanos de que o galego Sagra foi o refundador do mesmo en 1825, e "honrouse morrendo cidadán oriental".

Nas memorias de dous francmasóns desa mesma época, Tomás de Iriarte e o tamén coruñés, xeneral ANTONIO DÍAZ (1789-1869), alúdese a grupos ou clubs como a documentada "Orden de los Caballeros Orientales", verdadeira organización para-masónica, xurdida en 1822 da Gran Logia "Lautaro" e inspirada para conspirar contra a dominación brasileira por SANTIAGO VÁZQUEZ Y FEIJOO (1787-1847), político e diplomático de primeira magnitude (fillo dos galegos Juan -de Ribadávia- e Rosa -de Sada-).

Existe un certificado masónico -expedido em Montevideo o 15-08-1830, a menos de  un mes do xuramento da 1ª Constitución republicana, a favor do portugués de Elvas José António Freire- asinado, entre outros, polos xerarcas da loxa "Independencia" Francisco Magariños, GABRIEL ANTONIO PEREIRA (1794-1861) -futuro presidente da República e "Gran Protector de la Masonería del Uruguay" (1859) -fillo do coruñés Antonio Pereira y Moscoso-, JOSÉ BRITO DEL PINO (1797-1877) -xeneral patriota, fillo do tamén coruñés José Pérez Brito- e o tan citado Joaquín de la Sagra. 

O mesmo omnipresente Sagra, xunto co seu xenro, o médico Odicini, o indubidábel galego oriundo Ignacio Chouciño e Manuel Otero (de cuxa orixe non hai datos), pertenceron ao taller base (1827) da loxa "Les Amis de la Patrie" (1858, que antes se chamara "Les enfants du Nouveau Monde"). De dito taller base formaba parte Gabriel José Pérez (Montevideo, 1795-1868, de orixe indeterminada), Gran Comendador e Fundador do "Supremo Consejo del Gran Oriente del Uruguay" (1855), así como FRANCISCO LECOCQ (1790-1852), político e empresario, 33º, -fillo do (enésimo) coruñés Bernardo Lecocq, enxeñeiro militar en Montevideo.

En 1860 era 33º na loxa "Fe" LEANDRO GÓMEZ Y CALVO (1811-1865), o heroe de Paysandú -fillo de Roque Antonio, de Porto do Son, e neto materno de Domingo, de Curtis.

Máis masóns uruguaios de orixe galega e destacados cidadáns foron, entre outros moitos:


CARLOS DE CASTRO Y CASTRO (Montevideo,1835-1911), estadista e presidente do Gran Oriente, -fillo do padronés Agustín e neto materno de galegos de Dodro.


FRANCISCO VÁZQUEZ CORES (Ferrol, 1843-1914), mestre, editor e libreiro.


ANTONIO BARREIRO Y RAMOS (A Laracha, 1851-1916), libreiro e editor.

JOAQUÍN CANABAL Y GONZÁLEZ (Montevideo, 1869-1918), fundador (1887) da "Liga Masónica del Uruguay", médico eminente -fillo de Benito, de Carril.


ADOLFO VÁZQUEZ-GÓMEZ (Ferrol, 1869-1950), xornalista, escritor e político, integrante na súaa fundación (1910) do Comité Executivo do Partido Socialista del Uruguay co cargo de vicesecretario xeral.


ANDRÉS DUBRA Y SEOANE, que fora, primeiramente deputado, e despois cónsul do Uruguai na Coruña, á altura de 1905.


RAMÓN JUEGA CHARLÍN (Laxe, 1845-1905), médico. Grado 33º.




Bibliografia

ANÓNIMO (Adolfo Vaillant?): Folleto descritivo dunha ceremonia masónica. Montevideo, 1859.

PÉREZ FONTANA, Daoíz: Artigo en Talleres nº 10, Montevideo, 1962 (citado en Rodríguez Mariño, 1967).


FERNÁNDEZ CABRELLI, Alfonso: Artigo en Hoy es Historia, nº 1, Montevideo, 1984.

-La francmasonería en la independencia Hispanoamericana, Montevideo, 1988.

-Artigo en Hoy es Historia, nº 64, Montevideo, 1994.


RODRÍGUEZ MARIÑO, Diego: La logia Fénix, Montevideo, 1967.