CAO LUACES, JOSÉ MARÍA

 

  Naceu en Santa María de Cervo (Viveiro?, Lugo), o 13-12-1862. Empezou a traballar na fábrica de cerámica de Sargadelos; pechada esta en 1877, ingresou, como axudante de pintor, na fábrica de louza "La Asturiana", en Xixón. Coñeceu alí ao escultor José María López Rodríguez, que lle ensinou técnicas de escultura e debuxo. Trasladado a A Coruña, dirixe o obradoiro dun establecemento de porcelanas e cristalerías, ao tempo que exerce tarefas diversas en comercio, aduanas e telégrafos, colaborando con ensaios de tipo literario en varias publicacións.

  Militante do Partido Republicano Federal de Pi i Margall, o fracaso da 1ª República e a represión posterior fan que emigre en 1886 a Bos Aires, onde traballa como caricaturista en revistas e xornais. Dende unha desas publicacións, El Eco de Galicia, alentou a creación do “Centro Gallego” de Bos Aires, fundado en 1879 e disolto en 1892. De novo estimula a refundación do mesmo o 14 de agosto de 1893. Organiza e dirixe tamén o "Orfeón Gallego" e crea a revista "Caras y Caretas", onde se consagra como debuxante satírico.