RAMÓN REY BALTAR


Naceu en Padrón (A Coruña) o 5 de abril de 1882. Cursou estudios de Medicina na Universidade de Santiago, acadando a licenciatura en 1904. Posteriormente exercería a profesión na súa vila, como médico municipal.

A súa familia era de boa posición económica, o que lle permitiu realizar primeiro os estudios básicos en Padrón e logo a carreira de medicina en Santiago.

Con Afonso Rodríguez Castelao e Eduardo Dieste fundará en Rianxo, no ano 1910, o xornal anticaciquil El Barbero Municipal, escribindo, co pseudónimo “Verduguillo”, unha columna satírica. As súas ideas librepensadoras, as súas constantes denuncias do caciquismo en Padrón provocaron que se lle fosen pechando as posibilidades profesionais. Abandonará a praza de médico e empezou a traballar, tamén como médico, en Inmigración. Logo de varias viaxes a Arxentina, en labor profesional, asentarase en Bos Aires no ano 1914. Ao ano seguinte traballará como médico da Asociación Española de Socorros Mutuos. Posteriormente sería nomeado director dos seus servicios facultativos, posto no que permaneceu ata 1955, cando se xubilou. En 1926 empezou a dirixir igualmente a Sala de Primeiros Auxilios de Gerli, lugar onde vivía.

Durante a guerra civil colaborou coa Federación de Sociedades Galegas na coordinación da axuda á fronte republicana, e publicou un libro poético, A gaita a falare, que ilustraron Seoane e Castelao, de carácter antifranquista, e que estaba destinado a recadar fondos para os combatentes republicanos, publicando tamén poemas en Nova Galicia, revista antifascista publicada en Barcelona na que exercían labores de dirección Castelao, Rafael Dieste e Ramón Suárez Picallo.

En 1939 participou nas xestións para conseguir a unidade entre a Casa de Galicia, o Grupo Galeguista e a Agrupación Artística e Cultural "Ultreya", que se unificarían co nome de Casa de Galicia, sendo Ramón o seu primeiro presidente. Pero, tempo despois, os galeguistas abandonaron a entidade, que acabaría por converterse nunha entidade vencellada aos franquistas.

Ademais das colaboracións literarias mencionadas, escribiu en distintos medios, especialmente en A Nosa Terra, da que sería director, recuperando o seu antigo pseudónimo de “Verduguillo”.

Membro da masonería, con Arturo Cuadrado, Luís Seoane e outros exiliados fundará a loxa “Antolín Faraldo” de Bos Aires, que se reunía no domicilio de Horacio Bermúdez Abente. A loxa promoveu un destacado labor cultural, creando ou impulsando editoriais, iniciativas culturais e fundando o “Fogar Galego para Anciáns”, do que Rey Baltar sería o socio nº 2, vicepresidente na directiva fundacional e, entre 1956 e 1958, presidente.

Logo da chegada de Castelao a Arxentina, Rey Baltar participará, con persoas de diversos partidos políticos, na fundación da Irmandade Galega de Bos Aires, nacendo posteriormente, en Uruguai, Chile, México, Cuba ou Venezuela outras Irmandades. Rey Baltar sería un dos presidentes da de Bos Aires.

E será el, xunto con outro destacado médico e masón, Gumersindo Sánchez Guisande, membro tamén da loxa “Antolín Faraldo”, o que atenderá a Castelao durante a doenza que o levaría á morte, estando presentes no seu pasamento.

Morreu en Avellaneda o 3 de xullo de 1969.