CASARES QUIROGA, SANTIAGO

 

  Outra grande figura republicana galega que encontramos formando parte da directiva do BRNG é Santiago Casares Quiroga. De familia republicana (tanto o seu pai, Santiago Casares Paz, como o seu irmán Arturo foron destacados políticos republicanos coruñeses) naceu na Coruña en 1884, cursaría estudios de Dereito en Santiago e logo en Madrid. Vincúlase á “Solidaridad Gallega”, participando na 1ª Asemblea Rexional desa organización en Monforte, en abril de 1910. Elixido concelleiro nas listas republicanas coruñesas en 1911 e 1914, ten unha intensa activamente política. Forma parte do comité revolucionario que promove a folga xeral de agosto de 1917 na Coruña, sendo procesado. Cunha filla, Esther, nacida froito dunha relación esporádica mantida na súa estadía en Madrid en 1911, casou na Coruña con coa modista Gloria Pérez Corrales en 1920, nacendo en 1922 a súa filla María Victoria. Pertenceu á masonería, formando parte da loxa “Hispano-Americana” de Madrid e ás loxias “Gallaecia” e “Suevia” da Coruña, sendo o seu nome simbólico “Saint Just”.

  En 1926 xúntase á “Alianza Republicana” a través do “Casino Republicano” da Coruña, pero posteriormente se desliga da mesma, fundando, con outros compañeiros en outubro de 1929 a “Organización Republicana Gallega Autónoma” en Santiago. Participa tamén no "Pacto de Lestrove" o 16 de marzo de 1930, do que nacerá a “Federación Republicana Galega”. En representación da FRG é un dos asinantes do “Pacto de San Sebastian"; a súa función era promover en Galicia o apoio á sublevación de Jaca, encabezada polos capitáns Galán e García Hernández. Encarcelado como consecuencia do fracaso desta tentativa, será xulgado en consello de guerra en marzo de 1931, sendo condenado a seis meses e un día de prisión, pero aplicóuselle a liberdade condicional e foi liberado axiña. Nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 saiu concelleiro na cidade da Coruña na candidatura da ORGA, sendo nomeado Ministro de Mariña polo Governo provisional. Elixido deputado pola Coruña nas Constituíntes de xuño de 1931, a finais dese ano é nomeado ministro de Gobernación. Nas eleccións xerais de 1933 é elixido deputado, pola Coruña, na candidatura do “Partido Republicano Gallego”, que se fundara en Lugo en 1932. En abril de 1934 participa na fundación de “Izquierda Republicana”. Con motivo dos sucesos revolucionarios de outubro de 1934 vese obrigado a fuxir a Barcelona. Logo do triunfo da Fronte Popular na eleccións xerais de febreiro de 1936 Casares é nomeado ministro de Obras Públicas, e pouco despois ocupa o cargo de ministro de Gobernación. Manuel Azaña, que viña de ser elixido presidente da República en substitución de Alcalá Zamora, encarga a Casares a formación do Goberno, asumindo este tanto a presidencia do Goberno como o ministerio de Guerra. Logo da sublevación militar de xullo de 1936 presenta a súa dimisión, que Azaña acepta.

  Enrólase como miliciano na Serra do Guadarrama, pero a súa delicada saúde –padecía unha tuberculose crónica- acabará por facelo abandonar a fronte de batalla. Acompañando a Manuel Azaña, Negrín ou Martínez Barrio, emprenderá o camiño do exilio francés. Logo de chegar nun estado lamentable a París, irá repoñerse unha tempada a Suíza, regresando máis tarde. Antes da ocupación alemana, Casares instálase en Burdeos. Arredor de setembro de 1940 coñécese en medios do exilio un Plán falanxista para secuestrar a 16 dirixentes republicanos, entre eles Largo Caballero, Rodolfo Llopis, Azaña ou Casares. É condenado polo Tribunal Especial para a Represión da Masonería e o Comunismo a 30 anos de reclusión maior, en sentencia do 11-11-1941. Marcha logo cara Inglaterra, en Dormens, onde permaneceu catro anos nunha casa na que tamén residía Negrín e a súa familia, colaborando no pago do seu alugueiro. Pouco se sabe desta estadía en Londres; só que estaba moi mal economicamente, e tiña deteriorada a súa saúde pola tuberculose crónica que padecía. En conversas que mantiñan, lembrábase sempre da Coruña e dos seus amigos Somoza, Taracido, Wonemburguer..., masóns todos, e mesmo Portela Valladares, polo que tiña aprecio a pesar das súas diferencias políticas. En Londres foi socio do Instituto Español, fundado por Negrín en 1943, paseaba, visitaba a miúdo a Biblioteca Británica. Tamén parece que se adheriu ao Consello de Galicia, cando este se crea o 15 de novembro de 1944 en Montevideo, pero, se o fixo, non se coñece o documento.

  Regresará a París en xullo de 1945, logo da liberación do xugo nazi. Estes últimos anos, ata a súa morte o 17 de febreiro de 1950, permanecerá bastante retirado da actividade política, e moi distanciado do goberno republicano no exilio: a súa única participación é figurar na directiva do Bloque. Algún investigador inclúe a Casares, e a Portela Valladares, nun grupo de presión oposto á designación de Giral como Presidente do Consello de Ministros, sendo favorables a Negrín. A súa saúde, por outra parte, estaba moi resentida, tendo que pasar longas tempadas encamado. A morte da súa dona, Gloria Pérez, o 10 de xaneiro de 1946, foi un durísimo golpe.

  En 1947 Casares adhírese á Homenaxe a Manuel Azaña, no sétimo aniversario da súa morte, celebrado na Sala Pleyel de París. Entre as persoas que formaron parte da presidencia do acto (presidente da Republica, das Cortes e membros do goberno) estaba Alfredo Somoza, deputado, representando tamén a Casares Quiroga, que estaba indisposto.

  Foi soterrado en París, impedindo a súa filla, a actriz María Casares, a politización do acto por parte de representantes do goberno republicano no exilio.