Naceu en marzo de 1897 en Amenal (O Pino).
En 1910, con 13 anos, emigra á Arxentina cos seus pais e irmáns. Uns anos máis
tarde traballa nunha papelería. En 1914 participa na fundación da “Agrupación
Artista Galega de Bos Aires”, tendo constantes relacións, nos anos seguintes,
coas iniciativas galeguistas. Nomeado xerenta da empresa papeleira, “Iturrat”,
en 1918, trasládase á delegación que a empresa tiña en Montevideo. Debido á
recesión internacional, esta delegación pecha, pero Canabal decide seguir no
mesmo ramo e funda, cos seus irmáns, a empresa “Jesús Canabal y Hnos. Fábrica
de Sobres”, comenzando a fabricar un sobre denominado “Suevia”. En 1921
adquiren a papelería de Xaime Bech, incorporándose outro irmán á empresa. En 1925
tiñan varios locais e 40 empregados. En 1937 funda a “Industria Papelera
Uruguaia Sociedade Anónima” (IPUSA). En 1948, na cidade uruguaia de Pando
constrúe unha nova fábrica que empregará a máis dun cento de obreiros.
A raíz da constitución do Consello de
Galicia iníciase unha estreita relación entre Canabal e Castelao, tanto debido
ás visitas deste a Montevideo como polas viaxes de Canabal a Bos Aires.
En 1950 participa na fundación do programa
radiofónico “Sempre en Galicia”, en “Radio Carve” de Montevideo. Tamén foi
directivo da “Casa de Galicia da Asociación Española de Socorros Mutuos”. En
1956 preside o primeiro “Congreso da Emigración Galega” de Bos Aires. Este
mesmo ano funda en Uruguai o “Banco de Galicia”. En 1959, por iniciativa de
“IPUSA”, créase a “Sociedade de Celulosas do Uruguai, S.A.” co obxetivo de
fomentar a producción de madeira deste país. Nesta década dos cincuenta realiza
varias viaxes a Europa, con fins comerciais, aproveitando os mesmos para
realizar distintas tarefas patrióticas. Entrevístase en diferentes ocasións con
César Alvajar, representante do Consello de Galicia en París. Liberais e masóns
ambos os dous, axiña simpatizarán. Nestas viaxes a Europa adoitaba Canabal
achegarse uns días a Galicia, onde mantiña contactos cos galeguistas do
interior.
Gracias ás xestións de César
Alvajar, e a pesar das súas resistencias, Canabal sería nomeado Ministro
Plenipotenciario para toda la América del Sur, Coordinador del esfuerzo gallego
a favor de la República Española y de la autodeterminación de Galicia...
Nos derradeiros anos da súa vida axudou moito ao “Patronato da Cultura Galega” de Montevideo, cidade na que faleceu o 29 de agosto de 1985.